A empanada
A empanada é un prato popular da gastronomía galega e das rexións máis occidentais de Europa. Xa no Le Viandier de Guillaume Tirel, do século XIV, un dos libros máis antigos de receitas, aparece en francés medieval como “paste”, V.Lat “pasta”, e aínda hoxe así se nomea na Fisterra británica á famosa “pasty” ou empanada de Cornualles. O común é encher unha masa, case nunca definida na receita, sexa pasta brisa ou masa de pan, de cebola picada e cociñada e máis carne picada, e completala coas materias primas de cada zona, para logo pechala con corrosco e forneala. En Galicia a máis enxebre pode que sexa a de bonito e se completa con pemento. En Cornualles faise con falda de tenreira e complétase con pataca e un híbrido do grelo e o repolo (o colinabo). Dende antigo suponse que resultou un bo xantar para o comer dos traballadores fóra do fogar.