A costrada
A costrada, o prato emblema da vila de Pontedeume, un dos poucos senón o único reducto onde se continuou coa tradición deste manxar medieval. Crese que polas súas características, en particular a masa, pois non é a da empanada, senón máis semellante á pasta, houbo de ser introducido na zona polos monxes da orde de Santo Agostiño, procedentes de Italia, que aló polo século XII erixiron o case eremita Mosteiro de Caaveiro, nas profundidades das Fragas do Eume. Consta de varias capas de masa enchidas de cebola fritida, raxo, xamón, polo e pemento, e a súa confeición é moi laboriosa, gasta moita cocción e require moita preparación con antelación. Obviamente, pola súa complexidade e polo abondoso do seu recheo debeu de ficar dende antigo como un prato exclusivo dos habientes.
O vestixio actual deste prato na gastronomía galega débese en grande parte á nai das propietarias da Confeitaría Obradoiro, Cristina do Pico, pois tivo a sorte de herdar a receita dun dos conventos da vila, e mantívoa durante toda a súa vida no seu formato orixinal. Ela preparábaa baixo encargo para as familias acaudaladas da vila, no seu fogar, e cocíaa no forno da vila. O segredo do prato é realmente a fórmula da masa, que transmitiu ás súas fillas, e quizabes estea relacionada coa “Pasta” orixinal da empanada da Idade Media.