Os amendoados
Ao igual que ocurre cos melindres, os amendoados son o doce por antonomasia das Festas das Peras de Pontedeume. Alén de que son un doce típico en toda Galicia, onde abondan outras vilas míticas pola elaboración destas sobremesas, os de Pontedeume teñen moita sona. Pequenas porcións dunha masa moi azucrada feita a base de clara de ovo e améndoa marcona, a mellor améndoa, que se pousan sobre grandes latas de aceiro estanado. Forneadas, adquiren unha costra saborosa e doce por fóra pero húmida e elástica por dentro, grazas ao efecto da améndoa. Sérvense cando é obrigado nas sobremesas dos días de festa, pero igualmente acompañan un bó café con leite ao almorzo.