A nosa filosofía
Pontedeume dispón dunha riqueza gastronómica equiparábel á de calquera outra vila ou cidade de Galicia. Trátase de produtos que complementan calquera xantar (costradas, empanadas, pastelóns) ou aqueloutros confeitos (prollas, melindres, amendoados…) que fan do postre ago sumamente desexábel.
A elaboración destes produtos faise seguindo as máis vellas tradicións familiares, contan con moitos anos de existencia e unha grande sabedoría adquirida de xeración en xeración. Desta bisbarra saen, de xeito preciso, algúns dos pratos máis antigos da gastronomía popular galega, como a costrada dos monxes, e algún dos postres máis nomeados na literatura culinaria galega, porén case esquecido polo público xeral, como é a torta de Pontedeume. A nai das actuais propietarias da Confeitaría Obradoiro, Cristina Dopico, mentora desta iniciativa, sentou as bases do obxecto deste negocio recuperando a torta de Pontedeume e elaborando a costrada dos monxes segundo a receita orixinal. O resultado, conxugado coa habelencia popular da zona na confeición dos biscoitos e os doces, fan que Pontedeume sexa coñecido no eido galego como vila emblemática na elaboración de sobremesas e xantares antigos.
A nosa misión
Todo o proceso de elaboración dos nosos confeitos e xantares lévase a cabo mediante o uso de materias primas naturais, dándolle prioridade ás autóctonas.
Dende a súa inauguración en 1991, na Confeitaría Obradoiro seguemos un xeito artesanal de concebir o proceso de confeición do produto, porque entendemos que é a mellor forma de pontenciar o acervo gastronómico da nosa comarca e de diferenciarnos da produción industrial, que se foi introducindo desleixadadamente na maior parte do sector reposteiro e panadeiro. Alén de que hoxe é difícil atopar unha produción verdadeiramente artesanal, o abuso da publicitación do produto como artesán cando non o é repercute no desprestixio da respostería, inflúe na percepción sobre a calidade porque ésta xa non abunda ou se falsea, e se perden as lembranzas dos bos sabores. Usando as materias primas naturais garantimos por un lado a pervivencia da tradición reposteira como ben cultural, pero tamén incidimos de forma positiva na economía local como eixo vertebrador da comarca do Eume. Así, a calidade final do produto que nós tentamos acadar baseáse sempre en usar os mellores produtos e facelo a man, dun xeito sinxelo, con todo o mimo e coidado que utilizaban os nosos antergos, co que tan bo resultado obtiñan.
O edificio
A mentora do proxecto, Cristina Dopico (1911) adoitaba traballar na elaboración dos seus produtos só baixo previa encarga e cos medios posíbeis de principios e mediados de século. Cando as fillas decidiron abrir o negocio en 1991 fixérono primeiro nun baixo do casco histórico e logo decidiron restaurar un edificio enteiro nunha das rúa gremiais da vila.
A carón da cátedra de latinidade e sito na céntrica Rúa da Pescadaría 20, no que antigamente fora unha rúa gremial dos pescadores da vila, a Confeitaría érguese agora nun edificio recentemente restaurado de orixe medieval. Co compromiso de apostar pola recuperación e rehabilitación dun dos cascos históricos máis salientables de Galicia, usáronse materiais nobles como a madeira para os pisos, mantívose na medida do posíbel a tipoloxía de estilo da fachada dunha antiga casa de mariñeiros con balconada, branca de fondo e verde nos marcos, e salvagardáronse as anchas medianeiras de pedra. Se un se adentra hoxe pola porta principal aínda poderá observar o rastro de dous muros de pedra ben diferenciados. A parte do fondo, irregular, é anterior ao século XV, e a parte máis frontal foi reconstruída en épocas máis recentes - quen sabe se como consecuencia do gran incendio - daquela cando un gremio enteiro participaba solidariamente no erixir do fogar dun dos seus compañeiros.